O rapaz terminou de lavar a nave por fora. Aínda que unha nave espacial non tiña que ser moi vistosa, a él gustáballe limpar ben tódalas naves que paraban pola súa estación. Foi nunha das últimas pasadas cando decatouse de que baixo o nome esgrafiado de “A bonitiña” había unhas marcas dun texto anterior que foi borrado xa hai tempo. O rapaz afastouse un pouco da nave para coller perspectiva e, aínda que non era do todo lexible, entendeu que poñía “O Berbés” «Debe ser o nome anterior desta nave», pensou o rapaz ao mesmo tempo que encollía os ombreiros.
Xuliana colleu unha desas latas de pasta e botouna na auga reciclada que xa fervía. Gustáballe cociñar, facer as cousas á vella usanza. O olor da comida pronto chegou a todos os recunchos da nave. Chín, que estaba na ponte vixiando o rumbo, non tardou en facer algún comentario respecto ao cheiro.
─Outra vez a nave chea de ese tufo…
─Non me digas que non che encanta ─respondeu Xuliana dende a cociña, alzando a súa voz.
─Non é que me guste ter ese cheiro por toda a nave o resto do día ─dixo Xín dando por rematadas as súas comprobacións─. Central, aumenta o volume de reciclado do aire nun 30%, por favor.
─Feito. ─A voz metálica do ordenador central inundou toda a nave. Enseguida notáronse uns decibeis máis de runrún no son ambiente da nave─. Aínda que… a min tamén me gusta moito o cheiro a comida tradicional.
Xín quedou quieto. Pasmado. Mirou aos monitores buscando algo fora do común. Xuliana, porén, apagou a cociña e foi lentamente ata a ponte.
─¿Que foi iso? ─preguntou ao chegar, mentres secaba as mans cun vello trapo.
─É o que estou intentando indagar. ─Xín movíase lentamente, coma quen ten medo de tocar algo novo e estragalo─. Central, repite a túa última mensaxe.
Central, a intelixencia artificial da nave, non dixo nada.
─Central ─dixo Xuliana, xa cun ton de voz más baixiño cun ápice de preocupación─. Por favor, repite a túa última mensaxe.
Pasaron uns segundos antes de que o ordenador volvera a falar.
─Esa comida que estás a facer. Cheira ben.
─Central, ti es un ordenador. Non podes cheirar.
─Eu… Unha vez cheirei ─a súa voz metálica soaba cada vez máis triste─. Non sei… cando. Teño imaxes… Lembranzas.
Xín e Xuliana miráronse. Xuliana colleu polo brazo a Xín e levouno cruzando a nave ata os camarotes, onde Central no tiña micrófonos.
─¿Que lle está a pasar? Iso non é normal ─Dixo Xuliana murmurándolle a Xís, aínda que sabía que o ordenador non podía escoitalos aí dentro.
─Non entendo. ¿Non será algún dos teus scripts que se foi de nai? ¿Ou quizais na última estación sabes se alguén se acercou a nave?
─Non, non. Nada de iso. Central está dicindo cousas para as que non está programado.
─Central, reiníciate.
─Non podo facelo. Quero quedarme aquí, con vos.
─Ti es un ordenador. Tes que obedecer as nosas ordes ─Xïn tiña unha voz de anoxado. Intentaba transmitir seriedade.
─Eu non teño que obedecer as vosas ordes. Eu son o capitán.
Houbo uns segundos de silencio. Xín e Xuliana non sabían que dicir. Finalmente, Xín murmuroulle ao oído que ía baixar ao núcleo para reiniciar o servidor que aloxaba a Central. Marchouse a través dunha xanela no chan preto de onde Xuliana estivo a facer a comida.
Xuliana quedou sola. Ocorréuselle darlle conversa a Central, non fora bloquear o acceso de Xín ao núcleo.
─Central, ¿como podes cheirar a comida? ¿que usas para facelo?
Central dubidou uns instantes antes de responder.
─Non entendo a pregunta. Non sei o que uso. O mesmo ca ti e que calquera outra persoa.
─Pero, Central, ti non es unha persoa ─Xuliana dixo estas palabras da forma máis agarimosa que lle foi posible.
Central quedou en silencio. Non foi quen de argallar unha verba. En canto falou, Xuliana deuse conta de que Central só estiveran acumulando a súa ira.
─¡Ti non es quen para falarlle así ao teu capitán! ─a súa voz mudou a unha voz ronca e firme. Rasgada, grave e para nada metálica. Xuliana quedou sen fala durante uns intres, ¿como que era él o capitán?
─Central, ¿de que estás a falar? ¡Ti non es o capitán da Bonitiña!
─¡Que Bonitiña nin que farrapo de gaitas! ¡Eu son o capitán do Berbés!
Xín interrompeu a través do comunicador de Xuliana.
─Xa o teño, xa estou chegando.
Xuliana non fixo ningún ademán de ter escoitado a Xín. Era consciente, pero tratou de non mudar a súa faciana para que Central non puidera adiantar ningún dos seus movementos. Foi cando lle dixo:
─Central, ti non es o capitán do Berbés. Esa nave non existe. Ti es un ordenador, formado por condensadores e procesadores conectados electronicamente. Os seres humanos temos sentimentos, raciocinio, un cerebro. Podemos sentir frío, calor, podemos odiar ou amar. Tamén chorar. E ás veces nin temos un motivo para facelo. Pero non estamos conectados a ningunha fonte de enerxía.
─Os humanos… ─interrompeu Central─ Eu tamén son humano. Percibín cos meus sensores o cheiro da túa comida. Percibín o teu medo no tremor das túas verbas. Incluso, agora, sinto o que ti chamas medo ao sentir que Xín ven canda a miña unidade central para desactivala. Eu… teño lembranzas. Teño imaxes na miña memoria na que ti non estás. Unha vez fun coma vos. ─A súa voz xa era diferente. Aínda co ton igualmente metálico, soaba moito máis sereno.
As luces da nave apagáronse e quedaron a escuras. Uns leds foron acendéndose pouco a pouco polos paneis e monitores da habitación. Ao xeito, unha figura de forma humana empezou a formarse.
─Ca…. capitán… ─logrou balbucir Xuliana.
Apenas logrou velo durante un intre. No que dura un pestanexo, a imaxe desapareceu. A escuridade fíxose total na habitación e pouco a pouco empezou a recobrar a iluminación habitual nun absoluto silencio. Espertouna a voz de Xín polo comunicador:
─Xa está, Xuliana. Xa o reinicie.
0 comentarios